Convocatoria de premio de innovación educativa “Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D”

Enviado por administrador on Ven, 03/17/2017 - 21:59

Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos de ensino non universitario que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou bacharelato.

Cada centro presentará ata un máximo de 6 equipos. Os equipos estarán configurados por un mínimo de 3 alumnos/as e un máximo de 6; deberán pertencer ao mesmo nivel educativo e estarán titorizados por un docente que pode ser o mesmo para todos os equipos. Procurarase que exista paridade de xénero na elección do alumnado participante.

Cada equipo presentará un proxecto STEM elaborado enteiramente polo alumnado coa dotación que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizou aos centros públicos de ensino non universitario no curso 2016/17, segundo as seguintes características:

  • Equipamento de robótica educativa
  • Placas de Comunicación  e Programación
  • Equipo de Impresión 3D

Categorías de participación

  • Categoría STEM junior (iniciación), para proxectos sinxelos realizados por alumnado de iniciación. Aconsellado para 1º, 2º, 3º da ESO, FP Básica ou PMAR.
  • Categoría STEM senior (afondamento), para proxectos máis complexos. Aconsellado para alumnado de 4º ESO e 1º bacharelato.

E ademais, en cada categoría, cada proxecto poderá presentarse aos seguintes “Desafíos”:

  • Desafío Robots: proxecto no que nun escenario un ou varios robots realizan determinadas accións ou tarefas encamiñadas a dar solución a unha situación que teña aplicación na realidade da vida diaria, da industria etc.
  • Desafío Programación: proxecto tecnolóxico que de solución a unha necesidade concreta onde se utilicen linguaxes de programación tipo Scratch .
  • Desafío Impresión 3D: proxecto tecnolóxico onde se utilice unha impresora 3D para o deseño e construción de todas ou parte das pezas da maqueta que represente ao proxecto.

Cada proxecto debe presentarse a unha única categoría e un, varios ou todos os desafíos que se propoñen.