Escrito para a CIUG

Enviado por administrador on Dom, 05/21/2023 - 11:05

ESCRITO PARA A CIUG e para as escolas universitarias que ofrecen estudos de grao da rama de Enxeñaría e Arquitectura

Desacordo do profesorado de Tecnoloxía coa ponderación da materia Tecnoloxía e Enxeñaría

Desde APETEGA (asociación do profesorado de Tecnoloxía de Galicia), en representación do profesorado asociado, os profesores e profesoras que imparten a materia de modalidade “Tecnoloxía e Enxeñaría” (herdeira da anterior materia de bacharelato “Tecnoloxía Industrial”) queremos manifestar o noso profundo desacordo coa proposta transmitida pola CIUG por vía telemática o luns 15 de Maio sobre a ponderación futura da mesma para os exames da ABAU, e que consiste basicamente en que a materia ponderará só un 0,1 para todas as carreiras da rama de enxeñaría e arquitectura.

A proposta de homoxeneizar a nivel estatal pode considerarse como positiva, pero no que respecta á nosa materia é un sinsentido polas razóns expostas a continuación:

  • Que a materia sexa denominada “Tecnoloxía e Enxeñaría” por parte da LOMLOE explicita claramente a súa conexión e o seu papel orientador cara aos estudos de enxeñaría. Que a propia modalidade do bacharelato se denomine “Ciencias e Tecnoloxía” tamén representa a importancia do papel das materias de Tecnoloxía nesta modalidade. Se introduce, ademais, a competencia STEM (competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría) que “entraña a comprensión do mundo utilizando os métodos científicos, o pensamento e representación matemáticos, a tecnoloxía e os métodos da enxeñaría para transformar a contorna de forma comprometida, responsable e sustentable”. A CIUG, co beneplácito das escolas de enxeñaría, dá as costas a estos positivos cambios na LOMLOE que melloran a preparación do alumnado para os estudos posteriores relacionados coa actividade tecnolóxica e a enxeñaría.

  • Un breve vistazo ás competencias, criterios de avaliación e saberes básicos da materia debería deixar clara a súa conexión cos estudos universitarios do eido tecnolóxico. En resumo, trabállanse os seguintes bloques de coñecemento en cada un dos cursos do bacharelato: Proxectos de investigación e desenvolvemento, Materiais e fabricación, Sistemas mecánicos, Sistemas eléctricos e electrónicos, Programación, automatización e control e Tecnoloxía sustentable. Resulta incomprensible que as escolas de enxeñaría rexeiten a preparación do alumnado nestes coñecementos e competencias específicas para as carreiras que ofertan.

  • Sen embargo, darase a circunstancia que materias de modalidade que non teñen unha relación tan explícita coas carreiras de enxeñaría e arquitectura terán unha ponderación maior, provocando que na oferta de materias na matrícula do bacharelato, especialmente nos centros pequenos que teñen moi poucas posibilidades de organización, se poñan en segundo plano aquelas materias con baixa ou nula ponderación, e se promocionen aquelas que si contan cun 0,2. Será moi difícil defender un itinerario coa materia de “Tecnoloxía e Enxeñaría” para aquel alumnado que queira estudar enxeñarías se a propia universidade non a valora. O alumnado, ademáis, tenderá a elixir aquelas materias que máis ponderen para poder ter máis opcións de matriculación nas diferentes opcións, desincentivando no alumnado máis motivado nos estudos tecnolóxicos a escolla da materia que máis e mellor formación pode ofrecerlles, Tecnoloxía e Enxeñaría.

  • O profesorado da especialidade de Tecnoloxía leva varias décadas formando aos futuros estudantes de enxeñaría e arquitectura e dos estudos superiores tecnolóxicos de formación profesional, e en moitos centros con metodoloxías propias da Tecnoloxía como o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos. Tamén se está facendo un gran esforzo na orientación das rapazas cara aos estudos relacionados coa tecnoloxía e intentar así diminuír a brecha de xénero nestas carreiras. De nada van servir todas as iniciativas de promoción e captación de vocacións que se realizan desde as universidades se non contan co traballo que facemos desde os institutos de Educación Secundaria. Ningunha outra especialidade que non sexa Tecnoloxía ten o compromiso orientador cara as enxeñarías que ten o profesorado da nosa especialidade.

Sendo así, solicitamos unha toma de conciencia da importancia da materia de modalidade “Tecnoloxía e Enxeñaría” por parte das facultades e organismos responsables da ABAU e que se modifique a proposta de ponderación, pasando a ser de 0,2 nas carreiras con perfil tecnolóxico, que son todos aqueles graos da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Solicitamos, ademais, que pondere no vindeiro curso 2023-2024, para que todas as materias de modalidade de 2º de Bacharelato conten para o acceso á universidade. Non ten sentido que, sendo materias que a LOMLOE presenta na mesma categoría de materias de modalidade, unhas se contemplen para o acceso á universidade e outras non, provocando unha división entre materias de primeira e materias de segunda e, como explicamos anteriormente, desprezando a importancia e o papel da materia de Tecnoloxía e Enxeñaría no Bacharelato, o cal pode ter consecuencias máis alá do vindeiro curso.

 

Ofrecémonos a explicar de forma pormenorizada os argumentos anteriores, polo que estamos a súa disposición para facer todas as aclaracións que precisen.

A sociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia. APETEGA.

Vigo, 18 de maio de 2023